trono

Ruído forte e seco ou retumbo que acompaña ao relampo. Débese á violenta expansión do aire que ten lugar na canle de descarga atravesada polo raio, como consecuencia do brusco quecemento que ten lugar alí, con temperaturas que chegan a alcanzar ata os 30000 ºC. O trono escóitase con retardo respecto da visión do relampo, debido a que a velocidade do son (333 m/s) é moito menor que a da luz (300000 km/s). Se contamos os segundos que transcorren entre que vemos o destello luminoso e escoitamos o estoupido ou estrondo xordo, e os dividimos entre 3, saberemos aproximadamente a cantos quilómetros de distancia se atopa a tormenta. Repetindo a operación cada pouco tempo, saberemos se a tormenta se achega ou se afasta de nós.

Tamén coñecido como: tronido