bágoas de San Lourenzo

Nome popular que reciben as Perseidas. Trátase dunha das choivas de estrelas fugaces máis importantes do ano, ocasionada pola entrada na atmosfera terrestre de pequenos restos rochosos e de xeo desprendidos do cometa Swift-Tuttle no seu percorrido orbital arredor do sol. Cando a Terra atravesa a órbita dese cometa, o campo gravitatorio do noso planeta intercepta moitas desas pequenas partículas cometarias e inician un vertixinoso descenso pola atmosfera. Nese percorrido, o rozamento co aire quenta extraordinariamente os pequenos fragmentos, ionizándose a estreita canle pola que discorre cada un deles, o que dá como resultado a traza luminosa observada. O nome de Perseidas fai referencia á constelación de Perseo, por ser esa a rexión da bóveda celeste desde onde parecen xurdir estas estrelas fugaces. A denominación de «bágoas de San Lourenzo» data do século xix, ao coincidir por aquel entón o máximo das Perseidas coa noite do 10 ao 11 de agosto (a festividade de San Lourenzo celébrase o 10 de agosto). Na actualidade, o máximo desprazouse ao 12 de agosto, debido aos cambios sufridos na órbita do cometa como consecuencia de perturbacións gravitatorias. As estrelas fugaces, debido á súa condición de fotometeoros, teñen interese meteorolóxico. Ocorre o mesmo cos fragmentos rochosos non cometarios que tamén atravesan a atmosfera. Estes meteoroides, na súa caída, xeran, ás veces, cegadores destellos de luz, coñecidos como bólidos ou bolas de lume.