azul celeste
Expresión que alude á luz difusa de cor azul que emana do ceo cando está libre de nubes. A luz solar ao atravesar as moléculas do aire dispérsase, pero non o fai igual en todas as lonxitudes de onda que forman o espectro visible. A intensidade da luz difusa correspondente ás lonxitudes de onda máis pequenas é moito maior que a do resto, de aí que vexamos o ceo de cor azul, en lugar de vermello ou amarelo; sempre e cando a luz no seu percorrido atmosférico atravese un aire seco e cunha baixa densidade de aerosois. Nas moléculas gasosas que forman o aire ten lugar a chamada dispersión de Rayleigh, chamada así en honor ao físico inglés John William Strutt (1842-1919), máis coñecido como Lord Rayleigh.