heliógrafo
Instrumento meteorolóxico, tamén coñecido como helifanógrafo, que permite obter un rexistro diario dos intervalos de tempo en que incide directamente a radiación solar ou, no seu defecto, chega á superficie terrestre con intensidade suficiente para producir sombras definidas. Esta última circunstancia acontece cando no ceo temos unha capa delgada de nubes altas. O heliógrafo máis usado nos observatorios meteorolóxicos é o chamado de Campbell-Stokes; chamado así en honra de John Francis Campbell (1822-1885), que o inventou en 1853, e George Gabriel Stokes (1819-1903), que o perfeccionou en 1879. O seu principal elemento é unha esfera maciza de vidro, de 96 mm de diámetro, montada sobre un soporte metálico con forma de casquete esférico, sobre o que se coloca, encaixada entre dúas rañuras, unha banda de cartolina graduada coas horas impresas. A esfera actúa como unha lente converxente, calquera que sexa a dirección de incidencia da luz solar. Cando o sol emerxe polo horizonte, a luz incide sobre a esfera e esta concentra os raios sobre un punto da cartolina, queimándoo. A medida que o sol vai ascendendo, o punto de converxencia vai cambiando, formándose unha traza carbonizada na banda, que só se ve truncada durante o tempo en que o sol queda tapado polas nubes. Existen tres posicións distintas onde poder fixar a banda de cartolina, así como tres modelos distintos de banda (unha recta, unha curvada curta e unha curvada longa), xa que dependendo da época do ano, o sol acada máis ou menos altura sobre o horizonte, variando tamén a inclinación da súa traxectoria respecto ao chan. Cada día se coloca unha banda no heliógrafo, quedando nela rexistradas as horas de sol.
Termos relacionados: insolación