estela de condensación

Nube estreita e alongada que deixa un avión a reacción ao seu paso, como consecuencia da expulsión ao aire de gases a moi alta temperatura, principalmente vapor de auga. Ao nivel de cruceiro ao que voan os avións comerciais -habitualmente por riba dos 8 quilómetros de altitude-, a presión e a temperatura son tan baixas (da orde dos 20 hPa e –40 ºC, respectivamente), que o vapor de auga expulsado conxélase case de inmediato, tendo lugar unha sublimación. Os avións tamén expulsan minúsculas partículas procedentes da combustión, que actúan como núcleos de condensación e cuxa presenza favorece a formación dos cristais de xeo que forman as estelas. O tempo de permanencia dunha estela na atmosfera depende fundamentalmente de cales sexan as condicións de temperatura e humidade na zona de voo. Alí arriba, o aire é bastante seco, polo que o máis común é que as estelas desaparezan rápido ao paso do avión; con todo, cando aumenta o contido de humidade do aire nas capas medias e altas da troposfera, as estelas quedan marcadas no ceo, ensanchándose co paso do tempo. Os contrails -termo co que se coñecen internacionalmente- foron incorporados ao Atlas Internacional de Nubes da OMM na súa edición de 2017, sendo un dos exemplos máis representativos dunha nube da especie homogenitus .

Termos relacionados: chemtrail