trasno
Nome que recibe o TLE (evento luminoso transitorio) máis coñecido e fotografado de todos os que hai catalogados até a data. Este escorregadizo fenómeno luminoso, de natureza eléctrica, ten lugar na alta atmosfera. Xorde ás veces por riba das tormentas, como consecuencia dos cambios bruscos no campo eléctrico xerados por determinados raios, preferentemente de carga positiva. O seu aspecto lembra o dunha medusa ou uns fogos artificiais, cunha parte superior difusa, de cores avermelladas, situada arredor dos 80 quilómetros de altitude -na alta mesosfera-, e unha inferior constituída por unha serie de filamentos de aire moi ionizado, de entre 10 e 100 metros de grosor cada un, coñecidos como dardos (streamers), que presentan unha tonalidade azulada. Na súa parte alta, a ionización do aire é maior, o que impide a formación deses filamentos, xerándose unha descarga difusa, coñecida como trasno halo, que chega a alcanzar varios centos de quilómetros de anchura. A duración dun trasno típico é dalgunhas centésimas de segundo, se ben os máis rápidos só duran uns milisegundos. O resplandor que xera o trasno halo é a manifestación luminosa máis fugaz, xa que apenas dura entre 1 e 2 milisegundos.