xeo
Auga en estado sólido. Hai dez tipos de xeo na natureza, con estruturas cristalinas distintas, en función das condicións de presión e temperatura. O xeo que coñecemos e que abunda maioritariamente na Terra é o Ih, que cristaliza no sistema hexagonal e que se coñece como xeo común, aínda que nos referimos a el como xeo, a secas. Pode formarse tanto por conxelación de auga líquida como por sublimación de vapor de auga presente na atmosfera. Presenta unha infinidade de formas e texturas. O xeo puro -sen aire atrapado no seu interior- é transparente. A cor branca que habitualmente presentan a maior parte de formas de xeo é consecuencia do aire que conteñen. A brancura da neve -constituída por agregados de cristais de xeo- débese á súa esponxosidade. O xeo tamén pode presentar unha intensa cor azul, o que ocorre cando é particularmente compacto, aínda que con aire atrapado; dita circunstancia provoca a dispersión da luz que incide nel, de maneira similar a como ocorre no ceo (dispersión de Rayleigh). Obsérvase esta chamativa tonalidade azulada, por exemplo, nas fendas profundas de glaciares e nalgúns icebergs. A auga pura conxélase a 0 ºC a nivel do mar baixo condicións normais de presión (P = 1013 hPa). A densidade do xeo resultante é de 0,9168 g/cm3 , un valor inferior ao da auga líquida (1 g/cm3 ). Esta singularidade é a responsable de que o xeo flote na auga.