xeoenxeñaría
Conxunto de técnicas e tecnoloxías destinadas a manipular de forma deliberada o sistema climático, co obxectivo de frear o quecemento global. A maioría dos métodos que se desenvolveron ata a data quedan englobados dentro de dúas categorías principais: 1) os que perseguen reducir a cantidade de enerxía solar entrante no sistema; e 2) os que teñen como obxectivo reducir a concentración de CO2 na atmosfera, aumentando os sumidoiros netos de carbono. A enxeñaría climática é vista por moitos especialistas en ciencias atmosféricas como un experimento a gran escala de consecuencias imprevisibles, o que alerta sobre os riscos que podería ter a súa posta en marcha a unha escala planetaria.