ENSO

Sigla coa que se coñece internacionalmente o patrón climático de El Niño - Oscilación Sur (El Niño - Southern Oscillation , en inglés). Este fenómeno natural é a manifestación máis clara do acoplamento existente entre a atmosfera e o océano. Trátase dunha oscilación bimodal a grande escala, cuxa fase negativa é El Niño e positiva La Niña. A entrada en escena dun episodio do ENSO vén marcada por importantes anomalías da presión en superficie entre Tahití, na Polinesia Francesa, e Darwin, no norte de Australia, así como das temperaturas da superficie do mar na franxa central e oriental do Pacífico ecuatorial. En Climatoloxía, utilízase o chamado Índice da Oscilación do Sur (coñecido como SOI, pola súa sigla en inglés) para poder saber cando se inicia unha determinada fase do ENSO. Ese índice vén dado pola diferenza estandarizada das presións atmosféricas medidas nos lugares antes sinalados. En condicións normais -cun ENSO neutro-, a presión é menor en Darwin que en Tahití, o que mantén un fluxo de aire de leste a oeste (réxime de alisios) que transporta grandes cantidades de vapor de auga á parte oriental da conca do Pacífico, dando lugar ao tempo chuvioso característico do norte de Australia e as veciñas Papúa Nova Guinea e Indonesia. Cando se dan as condicións de El Niño, a diferenza de presión a un e outro lado da conca debilítase, fan o propio os ventos alisios, redúcense os ascensos de aire húmido e altéranse as correntes oceánicas, quentándose a auga superficial do mar na franxa antes sinalada. Todo iso modifica de forma notable os patróns de vento e os réximes de precipitacións en toda a rexión do Pacífico. Mentres que en Australia se experimentan secas, ao outro lado da conca, na costa oeste da franxa ecuatorial de América do Sur, prodúcense chuvias torrenciais que provocan inundacións. Co fenómeno de La Niña (a fase positiva ou fría do ENSO), ocorre xustamente o contrario. En ambas as dúas fases, a incidencia do ENSO non se circunscribe á conca do Pacífico, sendo moitas máis as rexións do mundo onde se deixan sentir os seus efectos. En español é común velo como ENOS.