criosfera
Compoñente do sistema climático que engloba toda a auga que se atopa en estado sólido na Terra, xa sexa por riba ou por baixo da superficie terrestre, tanto en zonas continentais como marítimas. Inclúe os xeos mariños, lacustres e fluviais, a neve depositada sobre terra firme, os glaciares, os grandes mantos de xeo (Antártida, Groenlandia) e o terreo conxelado temporal ou permanentemente (permafrost). A criosfera xoga un importante papel no clima terrestre e é clave na evolución futura do quecemento global. O elevado poder reflectante da neve e o xeo (ata o 90 % da radiación solar incidente) é un regulador natural da temperatura media planetaria. Unha menor superficie xeada implica unha maior absorción de calor na Terra, co consecuente aumento de temperatura.