nube

Hidrometeoro que consiste nun conxunto visible de pingas de auga líquida, cristais de xeo, ou ambas as cousas á vez, en suspensión na atmosfera, situado normalmente a certa altura sobre a superficie terrestre, aínda que pode estar en contacto con ela. A nube pode conter tamén partículas máis grandes de auga ou xeo -que constitúen en si mesmas outros hidrometeoros, como a choiva, a neve ou a sarabia-, así como partículas líquidas ou sólidas non acuosas, cuxa orixe pode ser o fume, po ou os gases industriais. A aparición dunha nube no ceo é o resultado da formación de auga líquida ou xeo, como consecuencia da condensación ou a sublimación do vapor de auga presente no aire. As nubes teñen formas e tamaños moi variados, podendo presentar unha ampla gama de cores (non só o branco co que comunmente se identifican), en función da súa composición, o momento do día e a posición do observador. A súa nomenclatura oficial (en latín) e a súa clasificación obedecen aos criterios que establece o Atlas Internacional de Nubes da OMM. A maioría das nubes localízanse na troposfera, que por convención se divide en tres pisos (alto, medio e baixo), en cada un dos cales só aparecen determinados xéneros nubosos, se ben algún deles pode ocupar varios pisos á vez. Os límites deses pisos non son fixos, xa que varían coa latitude e tamén coa época do ano.