illa de calor

Nome dado a un efecto ben estudado en climatoloxía urbana, que describe o quecemento ao que se ve sometido o aire que cobre unha gran cidade. O asfalto e o cemento das rúas, o formigón e os materiais refractarios cos que están feitos os edificios, irradian unha importante cantidade de enerxía infravermella ao ambiente urbano, quentando o aire. O resultado é a formación dunha especie de bóveda gasosa, cuxa temperatura é máis alta que a do aire situado na periferia. Os gases provenientes da combustión dos vehículos e das cheminéas contribúen tamén á illa de calor, cuxa extensión e magnitude varían en función de distintos factores, como a situación meteorolóxica, a época do ano (ambiente máis ou menos frío) e as características que teña o trazado urbano. Mentres que de día as diferenzas de temperatura entre o centro da cidade e os arredores raramente superan os 3 ºC, de noite a illa de calor é moito máis acusada, podendo chegar a darse diferenzas bastante maiores, de ata 10 ºC nalgúns casos. A presenza de contaminantes é outra das características da illa de calor, debido á emisión de gases e partículas nocivas, procedentes principalmente do tráfico e das calefaccións. Baixo situacións invernais de marcada estabilidade atmosférica, con presenza dunha inversión térmica por riba da cidade, a escasa ventilación contribúe ao progresivo aumento da concentración deses contaminantes, o que atenta contra a saúde dos cidadáns. O estudo das illas de calor nas cidades é un dos principais campos de investigación da climatoloxía urbana.