pinga de choiva
Pinga de auga que se forma e medra no interior dunha nube e precipita desde ela, cuxo diámetro oscila entre os 0,5 e os 6 mm (extensible aos 10 mm [=1 cm] en condicións propicias moi particulares). O valor inferior marca o límite entre unha pinga de orballo e unha de choiva. En canto ao maior, durante moito tempo pensouse que non podía haber pingas de choiva cun diámetro superior, pois eses 6 mm considerábanse o límite teórico ao seu crecemento, de xeito que, para valores maiores, a pinga irremediablemente tiña que dividirse en dúas ou máis pingas máis pequenas, ao romperse o equilibrio entre a tensión superficial da auga e a presión interna. En 2004, uns investigadores da Universidade de Washington (EE UU) mediron cun instrumento baseado en tecnoloxía láser, instalado nun avión, un par de pingas de 8,8 mm de diámetro en dous lugares distintos do ámbito tropical. Aquel achado suxire a existencia de pingas de choiva xigantes, de ata un centímetro de diámetro, no interior de nubes onde o contido de auga líquida sexa moi elevado. Son o resultado das múltiples colisións entre pingas de menor tamaño.
Termos relacionados: choiva