meteoro

Fenómeno físico observado na atmosfera ou na superficie terrestre, que consiste nunha suspensión, precipitación ou depósito de partículas líquidas ou sólidas, acuosas ou non, así como unha manifestación óptica ou eléctrica. Tendo en conta o anterior, os meteoros clasifícanse en catro grandes grupos: 1) hidrometeoros (meteoros acuosos); 2) litometeoros (meteoros de po); 3) fotometeoros (fenómenos ópticos atmosféricos); e 4) electrometeoros (meteoros eléctricos). As nubes, durante un tempo, non foron consideradas meteoros pola Organización Meteorolóxica Mundial, pero actualmente adquiriron esa condición. Ao estaren formadas por pingas de auga en suspensión catalóganse como hidrometeoros. O termo meteoro identifícase a miúdo co meteorito ou meteoroide, de orixe extraterrestre, que atravesa a atmosfera, deixando unha traza luminosa ao seu paso. As estrelas fugaces son o mellor exemplo diso. En tales casos, o meteoro é unicamente ese destello de luz, de natureza atmosférica, non o obxecto rochoso ou resto cometario en cuestión. A palabra deriva do vocábulo latino medieval meteorum , con orixe no termo grego μετέωρα (meteora), plural de μετεωρος (meteoron), que alude ás cousas ou fenómenos que ocorren arriba, no ceo.

Termos relacionados: lóstrego