seca
Longo período de tempo sen precipitacións ou cun marcado déficit destas, que causa un grave desequilibrio hidrolóxico. As secas veñen caracterizadas pola persistencia dun tipo de tempo anomalamente seco, durante o cal os valores da precipitación quedan por debaixo da media. A causa inicial de calquera seca é a escaseza de precipitacións (seca meteorolóxica), o que trae consigo un déficit de humidade do solo (seca agrícola), que incide negativamente na produción dos cultivos e altera os distintos ecosistemas. A esta segunda fase séguelle unha terceira e última, na que os recursos hídricos necesarios para abastecer a demanda existente vólvense insuficientes (seca hidrolóxica). Non hai unha definición de seca única e universal que fixe con precisión o momento inicial e de finalización desta, así como a súa intensidade, xa que dependendo dos lugares (distintas realidades climáticas) e dos usos que se dan á auga, difire a concepción e percepción desta. A literatura científica contempla máis dun cento de definicións diferentes de seca, o que dá idea da dificultade que ten caracterizala.
Termos relacionados: aridez