neve

Precipitación de cristais de xeo illados ou formando folerpas (aglomerados de varios deles) que cae dunha nube. Para que se produza este hidrometeoro, a temperatura do aire no tramo de atmosfera onde precipita debe ser inferior a 0 ºC. Xusto ao nivel da superficie terrestre pode nevar a temperaturas algo maiores (de varios graos Celsius por riba de cero), pero a neve non chega a callar no chan se á súa altura se superan os 2 ºC. Canto máis frío sexa o ambiente en que se produce a nevarada, máis pequenas serán as folerpas de neve, caendo en moitos casos cristais de xeo individuais. Debido ás múltiples ramificacións que adoitan presentar estas minúsculas estruturas cristalinas, cando se xuntan varias delas e se forman as citadas folerpas, no seu interior queda atrapada unha grande cantidade de aire; a luz do sol ao atravesar esas pequenas cavidades sofre múltiples reflexións internas, en todas as direccións, dando como resultado o deslumbrante color branco que caracteriza a este meteoro. A combinación de temperatura e humidade dá lugar a distintos tipos de neve, sendo máis ou menos esponxosa dependendo dos casos. A densidade da neve depositada sobre o chan é moi variable, o mesmo que a intensidade da nevarada.

Termos relacionados: folerpa de neve