nevada

Acción de nevar. O termo tamén se emprega para expresar a cantidade de neve que se acumulou no chan dunha vez como consecuencia da citada acción. A intensidade das nevadas é moi variable. Os observadores meteorolóxicos establecen a seguinte división en catro categorías: 1) nevada moi lixeira, na que caen folerpas de forma moi dispersa, que non chegan a cubrir o terreo na súa totalidade; 2) nevada lixeira, que é aquela na que se pode ver a máis dun quilómetro de distancia; 3) nevada moderada, na que a visibilidade horizontal queda comprendida entre os 500 e os 1000 m; e 4) nevada forte, caracterizada pola caída dunha gran cantidade de folerpas de neve de gran tamaño, o que reduce a visibilidade horizontal por debaixo dos 500 m. O ritmo de acumulación da neve no chan -maior ou menor en función da intensidade da nevada- permite establecer unha clasificación similar para a neve caída.