Cumulus (Cu)

Xénero nuboso que, xunto ao Cumulonimbus , forma parte das nubes de desenvolvemento vertical. É unha nube que medra de forma illada e está constituída por un conxunto de formas redondeadas, que configuran unha nube densa e de contornos habitualmente ben definidos. Os cúmulos máis pequenos (Cuhumilis) son brancos na súa totalidade e coñécense coloquialmente como cúmulos de bo tempo ou nubes de algodón. Os de tamaño intermedio (Cumediocris) e particularmente os grandes (Cucongestus) presentan unha cor gris escura na súa base, debido á gran cantidade de hidrometeoros que albergan no seu interior, xa que estes elementos forman unha pantalla natural que obstaculiza o paso da luz solar. Esa escuridade relativa da base contrasta co branco brillante que presenta o resto da nube cando está iluminada directamente polo sol. A parte superior adopta a forma dunha coliflor. O crecemento vertical dun cúmulo vén ditado pola convección, podendo presentar alturas e tamaños moi variables. A súa base queda situada por baixo dos 2000 m de altitude, podendo medrar cara arriba ata os 6000 m (en latitudes medias). No interior do cúmulo dominan as correntes de aire ascendentes, aínda que nos de maior tamaño coexisten con descendencias asociadas á precipitación. A palabra latina Cumulus significa montón ou pila, o que describe ben a amoreación das formas globulares que constitúen esta nube convectiva. Aínda que ese é o seu aspecto máis habitual, ás veces aparece esgazada, como a farrapos, o que constitúe a especie fractus .

Termos relacionados: cúmulo