anticiclón
Literalmente significa «o contrario dun ciclón». O termo foi suxerido polo científico inglés Sir Francis Galton (1822-1911) para describir a zona de atmosfera de características opostas ao ciclón, depresión ou borrasca. Pode definirse como unha área de extensión bastante maior que unha borrasca, onde a presión é máis alta que ao seu redor. Nos anticiclóns, a presión atmosférica aumenta segundo nos desprazamos de fóra cara a dentro, alcanzando o valor máximo na súa parte central. Nos mapas do tempo indícanse coa letra A (en maiúscula), quedan delimitados por liñas pechadas -isobaras ou isohipsas, dependendo do tipo de mapa de que se trate- e a súa forma adoita ser ovalada. A circulación do aire ao seu redor é no sentido das agullas do reloxo no hemisferio norte e antihorario no sur, conformando en todos os casos grandes áreas de subsidencia (descensos de aire). O tempo asociado a un anticiclón vén marcado pola presenza de ventos frouxos, ausencia de precipitacións e ceos pouco nubosos ou despexados; isto último non sempre ocorre, xa que se dan ás veces condicións favorables para a formación de néboas. Distínguese entre anticiclóns cálidos e fríos, en función das características térmicas que teña a masa de aire onde se forman. O comportamento do tempo na península ibérica vén ditado, en gran medida, pola dinámica que adopta o famoso anticiclón das Azores, chamado así en alusión ao arquipélago portugués onde adoita estar centrado durante boa parte do ano. Foi bautizado así polo meteorólogo francés Léon P. Teisserenc de Bort (1855-1913), a finais do século xix.
Tamén coñecido como: alta presión