clorofluorocarbonos (CFC)
Sigla coa que se coñece internacionalmente aos clorofluorocarbonos. Estes compostos químicos sintéticos, de orixe industrial e coñecidos tamén como freóns, comezaron a utilizarse na década de 1930 como refrixerantes, incorporándose aos circuítos dos frigoríficos en substitución do tóxico e corrosivo amoníaco. A partir da década de 1960, empezaron a usarse masivamente como propulsores de aerosois (lacas, pinturas…) e disolventes en produtos de limpeza, dada a súa nula toxicidade e inflamabilidade, así como a súa aparentemente baixa reactividade química. As alarmas saltaron a mediados dos anos setenta, cando os químicos F. Sherwood Rowland e Mario Molina descubriron que, debido á súa prolongada permanencia na atmosfera, estes gases destruían moléculas de ozono estratosférico, contribuíndo á diminución da concentración do citado gas sobre a Antártida. A raíz da entrada en vigor do Protocolo de Montreal -o 1 de xaneiro de 1989-, foi prohibida a súa fabricación, sendo progresivamente substituídos por outros compostos químicos máis inocuos.
Termos relacionados: capa de ozono
Tamén coñecido como: CFC