capa de ozono
Rexión atmosférica -tamén coñecida como capa de ozono- que ocupa a maior parte da estratosfera, estendéndose dende os 12 ata os 40 quilómetros de altitude. Nela, a porcentaxe de ozono é relativamente elevada, alcanzándose a súa concentración máxima entre os 20 e os 25 km aproximadamente. A capa de ozono popularizouse na década de 1980, cando se detectou sobre a Antártida unha importante merma dese gas (o chamado «buraco de ozono») durante a primavera austral e se relacionou inequivocamente coas emisións á atmosfera de compostos clorofluorocarbonados (CFC) de orixe antropoxénica.
Termos relacionados: clorofluorocarbonos (CFC)
Tamén coñecido como: ozonosfera