lume fatuo
Fenómeno luminiscente causado pola oxidación de determinados gases, como o metano (CH4 ) ou o fosfano (PH3 ), procedentes da descomposición de materia orgánica. A súa aparencia é a dunha pequena chama, que emite unha luz pálida, cuxa cor é distinta en función da natureza das substancias que sofren a putrefacción. Os lumes fatuos só son visibles de noite ou durante os solpores, cando a luminosidade ambiental é baixa, e discorren, preferentemente, polo aire situado sobre zonas pantanosas e a rentes do chan nos cemiterios. A súa observación nestes últimos lugares alimentou a crenza de que son as almas dos defuntos, sendo moitas as persoas que seguen aferradas á idea irracional de que se trata dun fenómeno sobrenatural.