sarabia
Hidrometeoro consistente nun gránulo de xeo de forma esférica -o máis común- irregular ou cónica -pouco habitual-, cuxo diámetro está comprendido entre os 5 e 50 mm, aínda que excepcionalmente pode alcanzar un maior calibre. Cunha distribución interna en capas, de aspecto similar ás dunha cebola, o xeo que constitúe cada unha delas pode ser transparente, translúcido ou opaco, en función da cantidade de aire que conteña. As capas de xeo transparente correspóndense con fases de crecemento rápido da sarabia dentro da nube tormentosa, mentres que as opacas son o resultado dun proceso lento. En ambos os casos, a sarabia medra grazas á acreción do xeo resultante da conxelación de pingas de auga subfundida presentes no interior do cumulonimbo onde se forma. As pedras de sarabia poden caer de forma separada ou formando aglomerados. As de gran tamaño -de consecuencias devastadoras- reciben o nome coloquial de pedrazo ou pedra. É bastante común identificalas con obxectos cotiáns, como os garavanzos, olivas, ovos de pomba ou de galiña, bólas de golf, pelotas de tenis...
Termos relacionados: sarabiada / sarabiar, hidrometeoro