Santa Ana

Vento desértico procedente do nordeste, seco e moi cálido, recalentado polo efecto foehn, que sopra no sur do estado de California (EE UU) e no extremo norte do estado de Baixa California (México) entre os meses de outubro e marzo, alcanzando o seu pico durante o mes de decembro. Debe o seu nome a que incide de cheo no val do río Santa Ana, onde chega a alcanzar unha gran intensidade. Este vento está causado polo desbordamento da masa de aire que se acumula na Gran Bacía (extensa chaira situada entre as Montañas Rochosas e Sierra Nevada), debido ao dominio das altas presións en toda esa vasta extensión de territorio estadounidense durante a referida época do ano.