flor de xeo
Chamativa estrutura de xeada con forma de flor, que se forma sobre unha capa de xeo mariño (banca de xeo) baixo determinadas condicións ambientais. O fenómeno ten a súa orixe no vapor de auga que consegue escapar a través das pequenas fisuras e ocos que presenta a superficie xeada. Se o aire en contacto con ela está moi frío -a temperaturas próximas aos –22 ºC- e calmo, ten lugar unha sublimación do vapor de auga, desenvolvéndose a flor. As partículas de sal que hai sobre esa capa de xeo flotante actúan como núcleos de conxelación, servindo de soporte aos cristais de xeada que conforman a fermosa estrutura. Tamén contribúen a iso as rugosidades que presenta a banca de xeo. Unha das singularidades das flores de xeo é que son salgadas, algo que non ocorre no xeo que se forma por conxelación directa da auga do mar. As flores de xeo non aparecen soas, senón formando pradeiras que acadan unha considerable extensión. Están documentadas tanto no Ártico como na Antártida e tamén na superficie xeada dalgúns lagos e lagoas de auga doce.