ollo do furacán
Área xeralmente circular, total ou parcialmente libre de nubes, que se localiza no centro dun ciclón tropical, sendo unha das súas principais sinais de identidade. Aínda que a expresión alude explicitamente ao furacán, en realidade o citado ollo é un trazo característico de calquera ciclón tropical, chámese furacán, tifón ou ciclón. Trátase dunha zona onde o tempo está en calma e os ventos son pouco importantes (velocidades inferiores aos 15-20 km/h), en forte contraste cos que sopran nas paredes que rodean o citado ollo. Ese burato nas densas nubes do ciclón tropical é consecuencia dos descensos de aire que teñen lugar xusto na súa parte central, o que favorece a disipación da nubosidade. O diámetro típico do ollo é duns 40 km, aínda que varía en cada caso, existindo unha ampla gama de tamaños que oscila desde apenas uns 8 km (os chamados «ollos de alfinete») ata os 80-100 km, aínda que, excepcionalmente, poden chegar a ser bastante máis grandes. Aínda que a forma do ollo é aproximadamente circular, as imaxes de alta resolución dos satélites de última xeración están a desvelar a complexa dinámica á que se ven sometidos, variando continuamente de forma e de tamaño. Hai momentos nos que adoptan a forma elíptica, chegando incluso a dexenerar nunha estrutura amorfa ou a desaparecer de forma transitoria. É de uso moi estendido a expresión «estar no ollo do furacán», que expresa a idea de protagonizar o centro dunha polémica ou situación conflitiva. A aparición do ollo do furacán é clave no mantemento e a profundización dos ciclóns tropicais sobre as augas cálidas dos océanos e mares do ámbito intertropical. O aire cálido subsidente retroalimenta a convección que dá lugar aos torreóns nubosos que constitúen a propia estrutura ciclónica.
Termos relacionados: furacán