oclusión

Proceso que resulta da diminución progresiva, a nivel da superficie terrestre, do sector cálido dun sistema frontal, ata a súa completa desaparición, como consecuencia do rápido avance da masa de aire frío traseira (a situada por detrás da fronte fría). Á oclusión tamén se lle denomina fronte ocluída, ao identificala coa fronte resultante da unión da fronte fría e a cálida dun sistema frontal, debido á maior velocidade de desprazamento da primeira. En función de que a masa de aire traseira sexa máis ou menos fría que a dianteira (a situada por diante da fronte cálida), a oclusión pode ser fría ou cálida. Na oclusión fría, a menor temperatura do aire traseiro fai que este -de maior densidade-, ao alcanzar o dianteiro, penetre por debaixo, forzando o seu ascenso, mentres que na oclusión cálida ocorre xustamente o contrario; o aire máis frío é o dianteiro, de maneira que o traseiro ao alcanzalo o remonta, elevándose. Nos mapas do tempo, as oclusións adóitanse representar con liñas grosas de cor violeta que levan adosadas parellas de semicírculos e triángulos da mesma cor, apuntando todas elas no sentido de desprazamento da fronte ocluída.

Tamén coñecido como: fronte ocluída