mal de altura
Malestar provocado pola falta de osíxeno que se sente en alta montaña, debido ao progresivo enrarecemento do aire segundo se vai gañando altura. O principal síntoma deste trastorno é a sensación de afogo e o aumento do ritmo cardíaco, o que pode vir acompañado de náuseas, vómitos e unha intensa dor de cabeza. O mal de altura pode derivar nun problema grave de saúde -como un edema pulmonar- se se acadan con rapidez cotas moi elevadas, sen un tempo adecuado de adaptación. Comeza a manifestarse por riba dos 2500 m de elevación, aínda que a maioría das persoas se adaptan con facilidade á hipoxia ata a cota 3000 m. De aí para arriba, o metabolismo comeza a acusar a escaseza de osíxeno, o que esixe un tempo adecuado de aclimatación para poder seguir ascendendo. O mal de altura coñécese tamén como mal de montaña ou do páramo, así como MAM (mal agudo de montaña) no argot médico. Na zona dos Andes recibe distintas denominacións como soroche, puna ou apunamento.
Termos relacionados: hipoxia