radar meteorolóxico

Radar que se utiliza con fins meteorolóxicos. O termo RADAR é un acrónimo da expresión inglesa RAdio Detecting And Ranging (detección e localización por radio). Se ben empezou a expresarse coa súa sigla en maiúsculas, foise integrando na linguaxe como unha palabra máis (radar), de maneira similar a como está pasando con DANA (dana). Este instrumento empezou a utilizarse con fins bélicos durante a Segunda Guerra Mundial, tras ter sido desenvolvido os anos previos, grazas ás achegas de científicos e enxeñeiros de distintas nacionalidades. Os avións militares empezaron a levar instalados radares que, á parte de localizar as posicións das aeronaves inimigas, detectaban tamén sinais procedentes de meteoros presentes no aire. Finalizada a contenda militar, algúns científicos que traballaban para as Forzas Armadas de EE UU empezaron a desenvolver as posibles aplicacións civís daquelas sinais de radar. Foi a partir da década de 1970 cando empezaron a establecerse as primeiras redes de radares, mantidas polos distintos Servizos Meteorolóxicos. Co paso dos anos, os radares meteorolóxicos foron modernizándose, permitindo a obtención dunha visión tridimensional dos elementos precipitantes presentes na atmosfera. Algúns dispositivos tamén permiten deducir a velocidade de desprazamento das pingas e as pedras de sarabia con respecto á posición fixa do radar (radar Doppler). O radar é un instrumento que, a través dunha antena xiratoria, emite pulsos de microondas en todas as direccións, para o cal efectúa unha serie de varreduras a distintas alturas, cubrindo os 360º ao seu redor. Traballa nun rango de lonxitudes de onda de entre 1 e 30 cm. O sinal emitido (un estreito feixe das citadas microondas) transmítese cunha potencia de varios megavatios, mediante unha sucesión de pulsos separados entre si uns poucos microsegundos. A medida que eses feixes interceptan pingas e pedras de sarabia no seu percorrido atmosférico, dispérsanse en todas as direccións, volvendo cara ao radar unha fracción delas, que é captada mediante un receptor. O tempo transcorrido entre a emisión e recepción de cada pulso, permite saber a distancia á que se atopan os obxectivos. A información obtida, procedente de todas as sinais de retorno interceptadas polo instrumento, procésase e convértese en imaxes que permiten visualizar a distribución espacial -ao redor da posición do radar- das zonas xeradoras de ecos. O radar non mide directamente a intensidade da precipitación, aínda que ditas imaxes convidan a pensar niso. A miúdo xéranse falsos ecos que os preditores deben saber discernir. As fontes de erro poden ser das máis variadas: desde fallos na calibración do aparello, até a presenza de obstáculos (a pesar de que os radares adoitan situarse en lugares elevados do terreo, co horizonte limpo), ou tamén sobreestimacións da precipitación en determinados ecos. Nas imaxes de radar emprégase unha escala de cores. Habitualmente, o azul e o verde asígnanse aos ecos máis débiles (correspondentes a pingas pequenas) e a cor vermella e o maxenta ás sinais de retorno máis fortes (pedras de sarabia e as pingas grandes). Cada cor representa un nivel de reflectividade, medidos todos eles en decibelios (dBZ).