glaciar
Masa de xeo de considerable grosor que se forma sobre o terreo por acumulación de neve e o posterior proceso de compactación e recristalización desta. O conxunto está dotado dun lento movemento, fluíndo en sentido descendente. Os glaciares orixínanse nunha cubeta de neve (circo glaciar) formada nunha zona alta de montaña. A medida que a masa xeada (lingua) se despraza ladeira abaixo, fractura e arrastra unha gran cantidade de materiais rochosos (morea), erosionando o val por onde discorre e ensanchándoo. A evolución dun glaciar depende fundamentalmente do comportamento que teñan a temperatura do aire e a precipitación. Na actualidade, a maioría dos glaciares da Terra están perdendo masa, co conseguinte retroceso, o que se interpreta como un sinal claro do quecemento global.