fulgurita

Estrutura tubular de sílice vitrificada, con forma de raíz, que se forma en terreos areosos e secos como consecuencia do impacto dun raio no chan. As elevadas temperaturas -de ata 4000 ºC- provocadas pola descarga eléctrica no seu percorrido subterráneo, funden os grans de area, formándose unha estreita canle de material vítreo, que con frecuencia presenta ramificacións. A evaporación da auga que tamén ten lugar no subsolo e o rápido arrefriamento posterior contribúen á formación do oco no interior da fulgurita. Estes «tubos de raio» presentan diámetros que van desde apenas uns poucos milímetros ata os 5 centímetros, e a súa lonxitude chega a superar ás veces o metro. Dependendo da composición da area, presenta unhas cores ou outras. A palabra ten a súa orixe etimolóxica no termo latino fulgur , que significa raio ou lóstrego. Non debemos confundir unha fulgurita cunha ceraunia, que é o nome co que se coñece a pedra ou punta de raio.