clima

Conxunto das condicións atmosféricas medias dun lugar determinado durante un período de tempo de polo menos 30 anos, segundo as recomendacións da Organización Meteorolóxica Mundial. Está caracterizado por distintos valores estatísticos, tales como a media, a varianza ou a probabilidade de ocorrencia de valores extremos, dos elementos meteorolóxicos do lugar en cuestión. Ten a súa orixe etimolóxica na palabra grega κλίμα ( klíma ), que significa pendente ou inclinación. Os antigos xeógrafos e astrónomos gregos chamaron así a cada unha das franxas terrestres delimitadas por paralelos, pois consideraban que o clima viña ditado pola inclinación da liña do horizonte dunha determinada rexión con respecto ao eixe de rotación terrestre. Aquel concepto foi evolucionando ata o actual, onde se ten en conta a variabilidade meteorolóxica. Para a ciencia xeográfica, o clima é o percibido e vivido polo ser humano nun territorio dado ao longo dunha serie o suficientemente longa de anos. Convén precisar que o clima é distinto ao tempo, malia o cal é moi común consideralos sinónimos. Mentres que o tempo é o inmediato, o que está a acontecer na atmosfera nun momento dado, o clima hai que velo como unha película que amosa a sucesión de estados atmosféricos acontecidos nun lugar durante os 30 anos antes apuntados. Nesa longametraxe, o tempo sería cada un dos fotogramas. Na actualidade, hai unha tendencia crecente a estender o concepto de clima máis alá do ámbito estritamente atmosférico, pasando a ser unha descrición estatística do estado do sistema climático no seu conxunto.