calixe
Litometeoro que consiste na suspensión na atmosfera de partículas sólidas non acuosas (po, area, cinzas), en cantidade suficiente para enturbar o aire e reducir a visibilidade. Se a visibilidade ao nivel da superficie terrestre é reducida e a humidade relativa do aire é menor do 70 % hai calixe, pero se é maior do 70 % o fenómeno observado ou pronosticado será a bruma (segundo os criterios técnicos de AEMET). A calixe fai que o ceo adquira unha cor terrosa (ocre, pardusca, amarelenta, laranxa, avermellada), variable en función de cal sexa a natureza do terreo do que escaparon as partículas e da iluminación solar. A maior ou menor opacidade xerada por ela depende tanto da concentración de partículas como da capacidade higroscópica das mesmas. Atendendo a isto último, distínguese entre a calixe seca e a húmida. Un caso particular desta última é a chamada calixe de sal, provocada pola presenza de minúsculas partículas de sal mariña, orixinadas pola evaporación das salpicaduras que escapan da superficie do mar. Tanto o termo calixe como as súas variantes calina e calisma teñen a súa orixe etimolóxica na voz latina caligo , que significa escuridade, da que proveñen tamén caligino, calígine e caliginoso.