choiva ácida

Choiva na que as pingas conteñen ácidos disoltos, como consecuencia da combinación química da auga con gases contaminantes presentes no aire. A choiva ácida é, por tanto, unha consecuencia da contaminación atmosférica. Pode deberse tanto a causas naturais (erupcións volcánicas) como antrópicas (emisións á atmosfera). Tanto os óxidos de nitróxeno (NOx ), como distintos gases que conteñen xofre, provenientes da combustión do carbón e doutros combustibles fósiles, ao reaccionar co vapor de auga presente na atmosfera, dan lugar a distintos ácidos como o nítrico (HNO3 ), o sulfúrico (H2 SO4 ) ou o sulfuroso (H2 SO3 ), que terminan incorporados ás pinguiñas das nubes e de aí aos distintos hidrometeoros que se forman nelas. Ao caer a choiva (ou neve) ácida sobre a superficie terrestre, estas substancias químicas quedan depositadas nela, o que provoca efectos perniciosos na vexetación e unha acidificación do chan e das augas.