monzón

Expresado de forma indistinta en singular e plural (monzóns), é o réxime de ventos bimodal que sopra nalgunhas rexións do ámbito tropical e subtropical, ligado á báscula estacional da ITCZ (zona de converxencia intertropical) e á aparición no sur de Asia da corrente ecuatorial (corrente do leste) na alta troposfera (entre os 15 e os 17 km de altitude no ecuador). Estes ventos persistentes son consecuencia do diferente quecemento ao que se ven sometidas as áreas continentais e as oceánicas veciñas, e inverten o seu sentido -soprando alternativamente do suroeste e nordeste- en función de que sexa verán ou inverno. A palabra monzón deriva do termo árabe mausim , que significa estación, xustamente polo referido cambio estacional de rumbo. É moi común identificar o monzón coa estación de choivas na India, o que unicamente se corresponde co monzón de verán no citado país. Os ventos do suroeste, moi cargados de humidade como consecuencia do seu percorrido marítimo sobre o golfo de Bengala, ao chegaren a terra deixan choivas torrenciais e persistentes no nordeste da India e Bangladesh, que provocan inundacións. O réxime monzónico esténdese tamén a outras zonas do sueste asiático, así como de América, África e Oceanía. En todos eses lugares, prodúcese a alternancia entre o monzón de verán (ventos do suroeste) e o de inverno (ventos do nordeste). As choivas monzónicas caen principalmente sobre terra firme durante a época estival.