Día da Marmota

Festa de exaltación da meteoroloxía popular, celebrada nos EE UU cada 2 de febreiro. A data marca xustamente o ecuador do inverno e, segundo o folclore, o feito de que unha marmota faga ou non sombra ditamina como se comportará o tempo o que resta de estación invernal. A orixe desta tradición é medieval e centroeuropea, aínda que noutrora era o oso o animal escollido para levar a cabo tan ousado prognóstico. Pola mañá dese día -2 de febreiro-, nunha pequena vila do estado de Pensilvania chamada Punxsutawney, ten lugar unha pomposa e multitudinaria cerimonia, retransmitida por canles de televisión de todo o mundo. Un membro do «Club da Marmota» saca do seu tobo o mediático roedor, esperta do seu letargo invernal e observa se proxecta ou non sombra no chan. Se a marmota ve a súa propia sombra, a tradición di que o inverno durará seis semanas máis. Se non a ve, entón o tempo primaveral adiantarase ese ano. En España e noutros países de tradición católica, ese día celébrase o día da Candelaria ou Candeloria, unha data que ten unha especial significación para os agricultores.