día de

Expresión empregada nos observatorios meteorolóxicos para contabilizar a ocorrencia de determinados meteoros ou feitos salientables ao longo das 24 horas que completan o día. Aplícase á néboa, á xeada, á precipitación (choiva, neve, sarabia…) ou á tormenta, entre outros. Por exemplo, computa un día de xeada se entre as 0 e as 24 h do día en cuestión a temperatura mínima foi igual ou inferior a 0 ºC. No que respecta ao día de precipitación, só se considera como tal aquel no que a cantidade recollida no pluviómetro acada ou supera unha décima de litro por metro cadrado (ou de forma equivalente 0,1 mm). Á parte diso, o día pluviométrico contabiliza a cantidade de precipitación caída entre as 07:00 UTC dun día e as 07:00 UTC do día seguinte. O día de tormenta, por último, é aquel no que se escoita polo menos un trono ou se observan raios e relampos, aínda que a tormenta non chegue a deixar precipitación no observatorio.