xeada

Descenso da temperatura do aire até un valor igual ou inferior a 0 ºC, correspondente ao punto de conxelación da auga pura a nivel do mar baixo condicións normais de presión (P = 1013 hPa). En función do mecanismo responsable da baixada de temperatura, as xeadas divídense en dous grandes tipos: 1) radiación; e 2) advección. En agricultura, distínguese tamén entre unha xeada branca (escarcha) e unha negra, dependendo de cal sexa o aspecto do xeo acumulado sobre o terreo e a vexetación, o que ten diferentes consecuencias nos cultivos.