escala Beaufort

Escala usada para medir a intensidade do vento, que establece unha división numérica en trece graos ou forzas -desde 0 (calma) ata 12 (temporal furacanado)-, asociando a cada categoría un determinado rango de velocidades do vento, o aspecto que presenta a superficie do mar e os efectos observados en terra. A escala foi creada cara a 1805 polo mariño e hidrógrafo irlandés Sir Francis Beaufort (1774-1857) e concibiuse inicialmente só para uso naval, sen incluír por aquel entón as velocidades dos ventos. Foi a mediados do século xix cando se incorporaron os valores de velocidade correspondentes a cada número da escala. Finalmente, a principios do século xx , o daquela director da Oficina Meteorolóxica Británica, Sir George C. Simpson (1878-1965), introduciu nela as descricións dos efectos do vento en terra.