circulación termohalina
Circulación oceánica a escala planetaria, encargada de renovar as augas superficiais por augas intermedias e profundas, de maior densidade que as primeiras. O seu nome fai referencia á temperatura (prefixo «termo-») e ao contido de sal (sufixo «-halina», que alude ao termo latino hals = sal). A CTH (sigla usada en oceanografía física para expresar de forma abreviada a circulación termohalina) ponse en marcha en zonas da superficie mariña onde hai unha auga máis densa que en zonas adxacentes, ben por estar máis fría e/ou tamén por ter unha maior salinidade. Tamén poden contribuír a ese «acendido» fenómenos como o vento ou as mareas. O afundimento desa auga vai dando lugar ao proceso lento de renovación, de varios séculos de duración. Este mecanismo de transporte de calor -tamén coñecido como a cinta transportadora oceánica-, complementario ao que ten lugar na atmosfera a través da CGA, inflúe de forma decisiva no clima terrestre.