circulación xeral da atmosfera
Fluxo tridimensional do aire na troposfera. Nas representacións máis ou menos detalladas que se fan dela, aparecen as principais correntes ascendentes e descendentes, os ventos dominantes e as células de circulación que configuran a complexa dinámica atmosférica terrestre. Calquera destes esquemas mostra unha representación simplificada da realidade e unha media das continuas flutuacións, tanto espaciais como temporais, ás que se ve sometido o citado fluxo de aire. A radiación solar e a rotación terrestre son os seus principais motores. A diferente cantidade de radiación solar que recibe a superficie terrestre en función da latitude, o quecemento desigual ao que se ven sometidas as áreas continentais e as oceánicas, así como a súa distribución espacial, xeran importantes diferenzas de presión atmosférica entre unhas zonas e outras da superficie terrestre, o que induce o movemento de aire a escala planetaria. A CGA (sigla coa que se expresa de forma abreviada a circulación xeral da atmosfera) é a encargada de transportar a calor que se acumula por exceso na zona ecuatorial ao resto do planeta.
Tamén coñecido como: cga