xeamento
Formación dun depósito ou capa de xeo sobre obxectos sólidos, como consecuencia do impacto de pingas ou pinguiñas de auga líquida en estado de subfusión. É a principal causa de sinistralidade aérea no mundo, por diante da turbulencia nas súas diferentes variantes. En Aeronáutica, préstase especial atención a esta incidencia en voo, para o cal se prognostican as áreas nubosas e os niveis dentro delas onde o xeamento pode chegar a ser perigoso. En función do tamaño e a cantidade de pinguiñas de auga xeantes que atope un avión ao seu paso, ao atravesar unha nube, a taxa de acumulación de xeo en zonas sensibles da súa estrutura será maior ou menor, e iso ditará o tempo máximo que poderá voar o citado avión de forma segura nese contorno nuboso. Nos casos máis extremos (xeamento severo), a acumulación de xeo é tan rápida (> 50 mm en 5 minutos) que os sistemas antixeo que levan os avións vense incapaces de eliminalo, co consecuente risco para a seguridade do voo.