densidade do aire
Masa de aire por unidade de volume, expresada habitualmente en kg/m3 . Xunto á presión e á temperatura é unha das variables fundamentais no estudo teórico da atmosfera. Ao nivel do mar e baixo as condicións estándar que establece a atmosfera ISA, toma o valor aproximado de 1,225 kg/m3 . A densidade do aire, o mesmo que a presión atmosférica, diminúe coa altitude, sendo particularmente acusada a súa diminución ao ascender pola troposfera e a estratosfera. Non ocorre o mesmo coa proporción de nitróxeno e osíxeno (N2 /O2 ) que forman a mestura gasosa, e que se mantén aproximadamente constante nos primeiros 80 quilómetros de atmosfera (homosfera). A súa densidade diminúe coa altitude, pero non así a súa proporción. Por riba dese nivel -nos dominios da ionosfera-, o aire está moi enrarecido, a súa densidade é baixísima e deixa de haber moléculas estables, xa que a eses niveis atmosféricos a radiación solar chega case sen atenuar, é moi enerxética e rompe literalmente as moléculas gasosas. Fórmase alí arriba unha especie de «nube electrónica», constituída maioritariamente por ións, que son bos condutores da electricidade.