Lips

Nome que na mitoloxía grega recibía o deus-vento do suroeste, tamén coñecido como Libis. Era o vento procedente de Libia. Na Torre dos Ventos de Atenas aparece representado como un mozo alado, sen barba, vestido cunha túnica, que sostén entre as súas mans o temón dunha embarcación. Na mitoloxía romana tiña o seu equivalente no deus-vento Africus (procedente de África); nome que deu orixe ao vento ábrego.