higrómetro

Instrumento meteorolóxico que mide a humidade relativa do aire. Hainos de varios tipos, en función do sistema empregado para detectar as variacións do contido de vapor de auga no aire. O máis común de todos eles é o higrómetro de cabelo, inventado polo naturalista suízo Horace-Bénédict de Saussure (1740-1799) en 1783. Basea as súas medidas nas variacións de lonxitude ás que se ven sometidos uns cantos cabelos desengraxados, dada a súa alta sensibilidade aos cambios de humidade ambiental. O popular frade do tempo forma parte desta categoría. Outro tipo de higrómetro bastante empregado nos observatorios meteorolóxicos é o de dobre termómetro, tamén coñecido como psicrómetro. A estes súmanse o de punto de orballo -como os de tipo Daniell ou Regnault-, o de resistencia eléctrica e o de absorción, que incorpora unha substancia química higroscópica, que atrapa o vapor de auga contido nun determinado volume do aire; mediante pesada, determínase a humidade do aire orixinal, antes de someterse á secaxe.