gloria

Fenómeno óptico atmosférico que consiste nunha ou máis series de aneis irisados que un observador pode ver arredor da súa sombra, cando esta se proxecta sobre unha nube composta exclusivamente de pingas de auga. De forma ocasional, pode observarse tamén sobre a neve e o orballo. É o resultado dunha dispersión cara atrás da luz incidente nas pingas, onde se combinan a reflexión, refracción e difracción da citada luz. O diámetro angular da gloria -moito máis pequeno que o do arco da vella- é inversamente proporcional ao das pingas. A maior ou menor uniformidade dos tamaños destas é determinante no feito de que vexamos unha única serie de aneis ou varias. Os fenómenos de interferencia que teñen lugar ao difractarse a luz arredor dos bordos do obxecto que produce a sombra, son os responsables de que aparezan franxas luminosas separadas. Unha das situacións nas que podemos observar unha gloria é viaxando en avión, cando este sobrevoa un mar de nubes. Se a aeronave proxecta a súa sombra sobre dita capa nubosa, teremos bastantes posibilidades de ver a gloria arredor dela. O fenómeno tamén se coñece como anel, círculo, coroa ou halo de Ulloa, en honra ao mariño español Antonio de Ulloa (1716-1795), que foi o primeiro en levar a cabo unha descrición científica del. Ao estar centrado no punto antisolar, denomínase igualmente como anthelio ou anthelion.