globo sonda

Globo meteorolóxico que ascende libremente na atmosfera, do que colga unha radiosonda. Está fabricado dun látex especial, particularmente resistente, e énchese de helio. Segundo vai ascendendo, vai aumentando de diámetro, ao ir atopándose con presións atmosféricas cada vez máis baixas, ata que finalmente estala, caendo a terra. É capaz de cubrir toda a troposfera e parte da estratosfera. Á parte das medidas que vai tomando a radiosonda durante a ascensión, os globos sonda tamén permiten obter datos do vento, para o cal se utilizan sistemas de radiolocalización, de navegación -baseados en satélite- ou radar. Hai globos sonda especiais -de maior tamaño-, capaces de acadar maiores altitudes, como os que miden o ozono estratosférico.