ablación

Se nos cinguimos á súa acepción meteorolóxica, este termo expresa a perda de neve ou de xeo como consecuencia da combinación de tres procesos que teñen lugar na atmosfera: a fusión, a evaporación e a sublimación. Pensando na manta de neve ou no xeo dun glaciar, aínda que a súa redución adoita relacionarse co ascenso da temperatura (máis calor implica unha maior fusión), a ablación pode ocorrer tamén pola citada sublimación, pasando directamente a neve ou o xeo de fase sólida a gasosa; é dicir, converténdose en vapor de auga. O vento é outro dos factores que contribúe moi eficazmente a reducir o espesor dunha manta nivosa, grazas ás elevadas taxas de evaporación que provoca. O proceso oposto é a alimentación. Nun contexto xeomorfolóxico, o termo alude á perda de chan que ocorre nos vales fluviais, debida ao arrastre de sedimentos que ocasionan as grandes crecidas provocadas por choivas torrenciais. Eses materiais quedan depositados augas abaixo, na contorna da desembocadura do río e no propio mar.