manga de vento
Cono truncado de tea, aberto polos dous extremos, na cuxa base maior hai un anel metálico que está suxeito con unhas cordas ou cables á parte alta dun mastro. A manga pode xirar libremente no plano horizontal, a mercé do vento. Leva varias franxas de cor vermella e branca, colocadas alternativamente. En función da intensidade do vento, a porción de tea que acada a horizontalidade é maior ou menor, servindo as divisións entre franxas como referencia visual para estimar cal é a velocidade do vento. Cando a franxa situada máis preto do mastro está horizontal e o resto delas inclinadas cara abaixo, sopra un vento de 3 nós (5,5 km/h). A medida que o vento se intensifica, a manga vai endereitándose, ata poñerse totalmente horizontal, o que ocorre cando o vento acada os 15 nós (28 km/h). Este elemento é común en aeródromos e aeroportos, ao carón das pistas, e tamén se coloca en tramos de autovías e autoestradas, como os viadutos e pasos estreitos entre montañas, onde o vento se canaliza e adoita soprar con intensidade. Tamén recibe o nome de cataventos ou manga cataventos. A expresión «manga de vento» tamén se usa como sinónimo de remuíño de po ou tolvaneira.
Tamén coñecido como: catavento, anemoscopio