precipitación
Hidrometeoro que consiste nun conxunto de partículas acuosas -en fase líquida ou sólida- que caen na atmosfera, habitualmente desde unha nube, e alcanzan a superficie terrestre. Atendendo ao tipo de elemento que precipita, hai catalogadas diferentes formas de precipitación, como a choiva, orballeira, neve, auganeve, sarabia, cinarra ou o po de diamante; todas elas coas súas entradas correspondentes no presente dicionario. Aínda que hoxe en día asociamos a precipitación á caída dalgún deses meteoros, orixinalmente -no século xviii - empezouse a empregar ese termo, pero por unha razón distinta. Algúns químicos da época pensaban que a auga estaba disolta no aire de maneira similar a como o están os sales na auga; concibiuse así, erroneamente, a formación das pingas de choiva como a precipitación que resultaba dunha reacción química que tiña lugar na atmosfera.
Termos relacionados: hidrometeoro